Programador/a PHP A Navalla Suiza

Empresa: 
A Navalla Suiza

Na Navalla suíza necesitamos unha programadora ou programador para formar parte do equipo de desenvolvemento. Gustaríanos que viñeses disposta a sumarte a unha cultura de equipo aberto, coa que iniciar proxectos novos e (esperamos) interesantes. A oferta pensámola en dous treitos. Un treito base, cun salario de 18.600 € anuais brutos, e unha ampliación en función da túa cualificación para unhas tarefas específicas, e coa que o salario podería chegar aos 26.100 € brutos anuais.

Que precisamos?

  • Que teñas coñecementos avanzados de Laravel 5, ou de sistemas análogos.
  • Que teñas coñecementos avanzados de PHP 5.5 e superiores. Terías que sentirte cómoda e coñecer estas boas prácticas.
  • Que manexes MySQL 5 con soltura, MVC, APIs, autenticación mediante OAuth, REST e tests unitarios.

Que sería xenial que tiveses?

Se ademais do que recollemos no epígrafe anterior podes achegar outros valores profesionais, sería aínda mellor. Iso significaría que optarías a outra cualificación laboral e a outro nivel salarial, que pode supor ata 625 € brutos mensuais máis, aproximadamente. Para iso necesitariamos:

  • Que teñas experiencia no liderado dun equipo de desenvolvemento.
  • Que poidas axudar o resto do equipo na definición das ferramentas, os fluxos de traballo e a organización do equipo, dentro da área de desenvolvemento.
  • Que teñas experiencia na administración de sistemas con UNIX e LAMP.

Que valoramos?

Para calquera dos dous treitos, estaría ben:

  • Que teñas experiencia de traballar en contornos áxiles.
  • Que esteas familiarizada co JavaScript moderno e facilidade para traballar con diferentes frameworks (e sen eles).
  • Que teñas experiencia con sistemas de control de versións como Git ou SVN.
  • Que teñas experiencia con Jenkins ou outros sistemas de integración continua (CI).
  • Que teñas boas habilidades sociais, bo humor e ganas de traballar nun grupo multidisciplinar. E que poidas manter esas mesmas boas habilidades sociais cos nosos parceiros externos ou clientes.

Cal vai ser a túa misión?

  • Desenvolvemento de backend de diversos proxectos.
  • Desenvolvemento e mantemento de proxectos internos de código aberto.
  • Liderado do equipo en proxectos concretos.
  • Vixilancia dos estándares de calidade no equipo de desenvolvemento da Navalla suíza.

Ata cando dura esta oferta?

Ata o 5 de febreiro de 2017, á medianoite (11:59 pm).

Cales son as condicións?

  • Xornada completa de 7 horas diarias (35 semanais).
  • Contrato indefinido, se ben podería haber un único período de proba de tres meses máximo.
  • Esa xornada sería cun horario flexible, pero preferimos que haxa un tempo no día en que todos esteamos traballando.
  • O traballo faríalo, sobre todo, nos nosos HQ do Milladoiro (Ames), a 5km do centro de Santiago de Compostela. É unha zona ben comunicada, con transporte público desde a cidade.
  • Sueldo neto: 1250 € netos mensuales.
  • Terías que engadirlle a estes cálculos os complementos de administración de sistemas e de liderado do equipo, que serían, como dixemos, duns 7500 € brutos anuais (625 € mensuais).
  • Se actualmente vives a máis de 200 km das oficinas, unha axuda económica para que te mudes a Santiago. Esta axuda pode ser de ata 1300 €, en función de onde vivas.
  • Froita, café, neveira, microondas e todo o que necesites para levar o teu ritmo de vida na oficina.
  • Axudas económicas para transporte urbano, conciliación da vida familiar e para actividades deportivas.
  • Entre 2 e 5 días de formación ao ano, mínimo.

Que nos tes que enviar?

Non queremos o teu currículo. Insistimos, non queremos o teu currículo. Mándanos un parágrafo explicando quen es e o que sabes facer xunto cos traballos dos que te sintas máis orgullosa, indicándonos brevemente qué foi o que fixeches en cada un deles.

Mándanos tamén o teu perfil de Github ou similar onde poidamos verche o código.

Envíanos todo aquí.